Thursday 09 de May de 2024

O director dos Museos de Ausburgo visita o Museo do Gravado de Artes


O director dos Museos de Ausburgo D. Cristof Trepech e a profesora alemá Marie Stallforth, visitan Ribeira para coñecer os fondos do Museo do Gravado de Artes.

Trepech e Stallforth foron recibidos polo alcalde de Ribeira e presidente do Padroado do Museo Luís Pérez, polo vicepresidente Javier Expósito e polo director Pastor Rodríguez.
Durante o percorrido polo museo visitaron as exposicións e puideron ollar cadros de Picasso, Dalí, Goya, Piranesi, Colmeiro ou Laxeiro, entre outros. Tanto Trepech como Stallforth destacaron a grande colección que hai en Artes e mostraron a vontade de colaboración para establecer conexión cos museos de Ausburgo.

Fontes do Concello de Ribeira destacan que o Museo do Gravado está gañando moita relevancia a nivel internacional e valoran positivamente o interese que esperta entre artistas e visitantes.
“Ofrecémoslle a posibilidade de que se expoñan nos museos alemáns obras de grandes artistas” aseverou Barral.
“Imos traballar para potenciar o museo como centro de dinamización cultural e económica en Ribeira e cedendo obras para que nos coñezan e atraer cada vez a máis visitantes”.

Trepech ficou impresionado pola colección e agradeceu a boa acollida. O director alemán confirmou que a primeira exposición que levarán a Alemaña será a dos Os Caprichos de Goya e Dalí. Tamén se fará un convenio de colaboración cos 9 museos de Ausburgo para levar obra de autores galegos: Facal, Colmeiro, Alfonso Costa, Manuel Ayaso, entre outros.